Monday 20 de May de 2024

A Xunta impide a rexeneración da praia de Santa Cruz


Rexenerar a praia de Santa Cruz ampliando o espazo do areal cara á zona do antigo porto, hoxe unha simple rampla sen actividade portuaria, resulta imposible debido á pasividade da Xunta de Galicia.

O Goberno autonómico mantén paralizada a cesión do porto de Santa Cruz ao Concello, situación que non permite a achega de area da que están extraendo do dragado interior da ría para ampliar a praia cara á zona do porto, salvando as rochas que existen na actualidade e ampliando de facto a praia actual desde a desembocadura do regato. O alcalde conta co compromiso de Costas do Estado de achegar a area necesaria en Santa Cruz, sempre e cando o porto sexa de titularidade municipal.

O vello porto de Santa Cruz é un espazo público moi senlleiro e que forma parte da iconografía urbana do municipio, se ben xa non rexistra ningunha actividade portuaria. En varias ocasións, o Concello pediu o traspaso desta zona litoral para incorporala ao paseo marítimo da localidade, escenario na actualidade dunha importante función turística e de lecer, xa que se foi convertendo nun centro de animación e actividade hostaleira, cultural e de convivencia.